Tuesday 14 de May de 2024

O IES David Buján organiza a iniciativa solidaria “Pedaladas solidarias”


Entre o 30 de xaneiro e o 3 de marzo, a Comunidade Educativa do IES David Buján terá a súa disposición seis bicicletas estáticas para tentar reproducir virtualmente o percorrido que fixo o rapaz, Aylan Kurdi –o rapaz falecido en setembro de 2015 cando intentaba chegar a illa grega de Kos desde a costa turca- desde Kobane (Siria) ata Bodrum (Turquía), uns 1200 quilómetros.

As persoas interesadas poderán pedalar un máximo de dez quilómetros e recibirán unha gratificación económica -previamente pactada nunha tarxeta- dos seus “patrocinadores”. Os cartos recadados destinaranse a unha ONG de axuda aos refuxiados (Proactive Open Arms)

Obxectivos da actividade

O IES David Buján ten como un dos seus sinais o fomento do traballo cooperativo e a procura da solidariedade entre o noso alumnado. Esta actividade é unha mostra máis do traballo que ó longo do ano facemos nesta liña (a nosa participación en cinco plans do Plan Proxecta e nas múltiples accións puntuais que realizamos) e que comparten a maioría dos obxectivos que imos citar. Entre os obxectivos desta actividade, queremos destacar:
• Fomentar o traballo cooperativo entre os distintos membros da Comunidade Educativa: alumnado, profesorado, pais e nais – representados na ANPA- e persoal non docente.
• Dar visibilidade aos conflitos sociais que están máis alá da nosa contorna e implicar á Comunidade educativa na resolución dos mesmos

• Servir de referente á sociedade na importancia do traballo conxunto e na necesaria participación en causas solidarias

• Converter ao noso centro nun punto de saída daquelas iniciativas que o noso alumnado poida presentar na mellora da convivencia e na loita contra as desigualdades.